Este sábado 10 de xaneiro supoñía un dos picos da tempada para 3 d@s nos@s judokas: o Campionato de Galicia junior, celebrado en Esteiro, Ferrol. @s 3 estaban antes do Galego arriba nos rankings dos seus pesos e con posibilidades reais de obter a clasificación para o sector nacional, que terá lugar en Asturias nunha semana.
Volvemos con dous bronces e un 7º posto, resultados cos que estamos satisfeit@s na súa xusta medida ou con matices importantes. Viñamos coa intención de, por ranking e tendo en conta os novos criterios de selección para o sector, facer un pleno de convocad@s para o sector nacional, o cal pasaba no caso sobre todo de Claudia en -52 e Hugo en -81 por sacar medalla ou facer un bo campionato. Non saiu ben con Claudia tras unha tempada moi irregular; si que resultou con Hugo, e Mateo tiña que facer moi mal cos puntos que tiña sobre os seguintes como segundo no ranking para quedar fóra.
Dito todo isto, se nos centramos no visto no tatami, foron en xeral combates duros e trabados, froito do coñecemento mútuo d@s rivais e logo moi finos nos estivemos en ocasións. Claudia Martínez perdía en primeira vs Prieto do Shiai por 3 shidos a 1. Combate sen case ningunha entrada e saídas continuas do tatami por parte da rival pero con agarre arriba e os shidos subiron con rapidez, máis nun lado que no outro. Non saímos á repesca centrad@s, ningunha defensa aos agarres arriba e perdemos por ippon. Unha mágoa.
En -81kg Hugo libraba en 1ª ronda como cabeza de serie, para logo gañar por luxación nun combate duro de agarres e táctica contra Leandro Fernández do Culleredo. En semis, combate vs o xa clasificado para a fase final do nacional por ranking estatal, o ferrolá Vila, quen nos caza cun kata guruma que non vimos vir. No bronce vs Fabián Fernández do Culleredo, de novo a táctica de agarres marca o ritmo do combate, atascado, onde a paciencia foi a clave e marcamos ao final para lograr o bronce. Merecida medalla para Hugo, cadete aínda, que garantiu ser convocado para o sector junior, onde esperamos facelo o mellor posible e acumular combates de calidade para os futuros compromisos como cadete.
En -100kg saía ao tatami Mateo Bello, quen libra en primeira e logo complicándose de máis contra o ferrolán López Sanmartín inmoviliza e pasamos a semis, onde esperaba Hugo López do Culleredo. Judoka alto e con agarre arriba trata de aproveitalo, ante o cal, e a pesar de coñecelo moi ben, non defendemos como debemos, e acabamos perdendo por ippon nun mal combate. Victoria no bronce ante o ferrolán Herrera. En xeral, Mateo non mostrou o nivel que ten, pero foi quen de gañar o bronce e tomamos nota do que hai que correxir para o sector.

No hay comentarios:
Publicar un comentario