O Multiusos de Sar foi o escenario de tres eventos no mesmo día, froito do traballo da Delegación de Santiago e a Federación Galega de Judo. En total o noso club participaba con aproximadamente 60 judokas durante todo o día deste sábado 21 de febreiro.
O día empezaba coa Copa de España A con 5 judokas nosos e o sensei Manuel, última das Copas puntuables para o Campionato de España desta tempada. Para varios dos nosos deportistas era a primeira Copa de España, sendo todos salvo un s15 de primeiro ano e concentrándonos máis na nosa participación en varias das ligas autonómicas, para progresivamente ir subindo o nivel. En xeral, foron todos eles competitivos, con distinta sorte no resultado final. Traemos moitos combates, que era o que nos interesaba. Pensamos que nalgún caso debiamos estar algo máis arriba, pero en liñas xerais acabamos con boas sensacións.
O sistema de repesca deste ano para as Copas s15 permite facer máis combates, pero pon máis caras as medallas, xa que nalgún peso significaba facer 6-7 combates. En -38kg saían Nahuel Martarelli e Simón González. Nahuel comezaba facendo previa, gañando vs o ferrolá Freire, judoka duro, con victoria no golden score. Derrota vs o asturián Rionda, deixándonos agarrar demasiado. Na repesca victorias de accións de contra vs o andaluz Espildora e o galego Castro, para logo perder vs Acosta de Canarias, quen aproveita a nosa regular defensa en chan para inmovilizar, Nahuel dase saído aos 6 segundos, pero con yuko para o rival a derrota nos deixaba fóra das medallas e dos puntos tras cinco combates (!) para acabar 9º. Gran competición de Nahuel. Simón non tivo o seu mellor día e volveu a certos erros; pensamos que eran combates gañables ante o galego Blanco en primeira e logo na repesca vs Villamide, pero nestes eventos os erros páganse caros. A seguir traballando, que imos polo bo camiño.
En -46kg tiñamos dobre representación con Martín López e Liam Otero. Martín saía o primeiro dos dous ao tatami vs González de Asturias, ante o cal iamos bastante ben ata que nos quedamos atrás e iso nos levou á repesca, onde non fomos quen de gañar ao galego Freire. Nesta tempada Martín vai alterando boas actuacións con outras menores, pero en xeral está mostrando un bo nivel competitivo na súa transición do s13 a s15 e de categoría de peso. Seguiremos na mesma liña de traballo, que está dando os seus froitos. Liam déixanos outra vez cun sensación agridoce. Salvo na Supercopa de Montijo, sempre está nos eventos nos que participa bastante arriba e aquí tamén foi así, pero sempre temos a impresión de que se deixa algo. Nesta ocasión chega a cuartos de final gañando con autoridade, pero con algún susto polo medio, ante os galegos Stephan e López Saavedra, para na citada ronda facer ata a metade do combate un bo papel. O seu rival, Seco do JC Escola, quen está arriba no ranking nacional, mostrou ter máis sangue frío e logo de marcar un yuko, foi quen de manter a súa estratexia... e Liam quedou trabado, sen tratar de subir ritmo, cambiar tácticas, e o tempo pasaba. En chan marcanos de novo. E tan só no último segundo activouse algo. Na repesca vs o portugués Joio, non saímos coa intensidade que debemos e nun mini barrido caemos e recibimos un yuko dos de agora. Hai calidade para estar máis arriba e cinco combates nun evento así teñen moito mérito, pero pensamos que podía ter chegado a postos superiores.
En -50kg saía Martiño Romero contra o portugués Benedito, quen nun combate desputado nos vai marcando, pero Martiño fixo un gran último minuto e mesmo marca yuko, que ben podía ser ippon de atacar con máis contundencia. O luso aínda fixo catro combates máis (!). Na repesca vimos outra versión de Martiño, quen se deixa dominar arriba e espera a ver que fai o rival,o galego Merino, quen acaba marcando de ouchi. Unha mágoa este despiste, pero tamén pensamos que Martiño leva un bo traballo nos adestramentos e nesa idea temos que seguir.
Noraboa polo tanto aos nosos cinco deportistas!
Pola tarde participaban comandados polos senseis Nico e Fran máis de 50 judokas do club desde biberón ata s13 no Xogajudo e no Torneo de Promoción. Aquí non hai gañador@s como tales, xúntanse en grupos de 4 judokas e así quedan garantidos 3 combates por deportista. Nun ambiente distendido trátabase de desfrutar da tarde con varios centos de judokas (!).
En labores de asistencia, mesa e arbitraxe foron tamén vari@s compañeir@s maiores: Mario, Claudia Mtz, Claudia Vilaseco, Salus, Hugo e Mateo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario