domingo, 21 de diciembre de 2025

18-20 DECEMBRO: COPA JUNIOR TORRELAVEGA, TORNEO NADAL O PINO, TATAMI DOS SEGREDOS

Desde o xoves 18 ata o sábado 20 tivemos 3 eventos nos que o noso club estivo presente con multitude de judokas de todas as idades, 2 deles organizados polo JC Escola. Empezabamos co "Tatami dos Segredos", o xoves 18, con 2 judokas nosos dos pesos altos. Un stage ideal para eles, dado que o adestrador sorpresa era o múltiple campión nacional de +100kg Ángel Parra. O 19 partían 3 judokas junior a Cantabria para competir na Copa de España do sábado, e ese mesmo sábado aprox 40 judokas ata s13 saían o tatami en O Pino no torneo de Nadal Kumikata. 

E aínda quedan a xornadas de Nadal da Federación Galega, co curso reciclaxe de pase de graos para adestradores do 27 de decembro, e ese mesmo día o adestramento federativo ao que acuden varios judokas nosos.

 ------COPA ESPAÑA JUNIOR, TORRELEVEGA (CANTABRIA)------

O noso club partía cara Cantabria cunha nova expedición do NuGa, Núcleo Galego de Tecnificación, co sensei Manuel - pesaxe o 19, competición o sábado 20. Esta edición foi un campionato trampa, porque non era esperable que a participación en moitos pesos fora tan alta, dadas as datas e sabendo que é a última copa junior puntuable para este ano, ao adiantaren o Campionato de España para xaneiro. O Campionato Galego e sector nacional foron tamén adiantados, co cal, máis de 30 galegos foron ata alá, así como vascos, cataláns, madrileños, baleares, etc... con moitos deportistas loitando por puntos in extremis para os rankings nacionais e rexionais.

Ese era un dos nosos obxectivos, aparte de acumular combates e seguir aí, sobre todo en pesos quentes como -81kg, -100kg e -52kg. 

En xeral, vistos os sorteos, os resultados d@s nos@s eran un opción probable, pero non a desexable. Un quinto foi o noso cómputo, do que sacamos conclusións variadas. Faltounos nalgúns casos saber tomar decisións e frenar a judokas cuxa táctica era empurrar ata que o árbitro marcaba shidos en contra (!), o que se veu en moitos combates de -100 e +100kg. 

Mateo Bello lograba o quinto posto, que pensamos debía ser bronce. A final non era descartable, pero o primeiro combate contra o catalán Guillem Lozano, quen se xogaba puntos para clasificar directo ao nacional (e ouro do torneo), poñía as cousas difíciles, e máis se entramos literalmente durmidos e nos proxectan nun visto e non visto nunha acción de ouchi sen aparente perigo. En repesca contra o compañeiro do JC Oleiros Pablo Suárez tampouco estivemos finos, pero un erro do contrincante foi aproveitado e inmovilizamos. No bronce o valencián Shapovalov tiña clara desde o combate 1 a súa táctica, estático, empurrar e sacar sancións. Aínda que salvamos ben ao principio, logo melloramos e atacamos, entramos no seu xogo, e quedamos pasivos para poñerlle en bandexa o ippon. 

En -81 kg o cadete Hugo Viqueira perde en primeira vs o asturiano Sánchez (bronce ao final), quen logo sorprende ao galego Tenreiro (bronce tamén no torneo), co cal repescamos pero ambos judokas fan un tipo judo que nos costa e non fomos quen de axustarnos, caendo derrotado e sen medallas. A seguir traballando, pero o obxectivo de Hugo é o nacional s18, e todo o que veña do junior, benvido, pero sen presión. 

Claudia Martínez viña dunha mestura de boas e malas actuacións; hoxe empezou ben en -52kg vs a madrileña Jiménez, a quen levamos ben os agarres, pero se nos anticipa, e logo nun seoi noso queda o brazo da rival pasada ao pescozo, co cal a estrangulación estaba servida... e así foi. Unha mágoa porque no tempo do combate estabamos con boas sensacións. Quedamos sen repesca, pero a mirar para adiante, e coa firme idea de clasificar para o sector nacional.



------------------TORNEO NADAL KUMIKATA O PINO---------------------------------------

Nova edición do Torneo de Nadal Kumikata do JC Escola, este ano en O Pino, coa participación de +40 judoka do noso club, comandados polos senseis Nico, Mano e Fran. Durante este sábado 20 de decembro tomaron parte judokas do noso club desde os máis cativos ata s13. Agrupados por ligas, quedaban garantizados varios combates por deportistas nun ambiente de Nadal, obxectivo principal do evento. 











------------- TATAMI DOS SEGREDOS, MASTER CLASS-----------------

O tríptico deste Nadal comezaba o xoves 18 de decembro, coa master class organizada polo JC Escola e impartida polo múltiple campión de España +100kg Angel Parra. Paralelo a este mini stage, tiñamos o penúltimo adestramento previo á semana de Nadal, co grupo dos maiores e preparando as próximas saídas a eventos. Neste en particular estiveron Hugo Viqueira e Mateo Bello, quen tomaron boa nota do saber e a grande capacidade comunicativa de Ángel Parra. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario