Cerramos esta longa fin de semana de judo en Marín cos Campionatos de Galicia s-15 e s-18, onde a nosa mellor actuación foi, sen dúbida, a de Mateo Bello en +66 kg, onde logrou o bronce.
Como cabeza de serie libramos en primeira ronda, para ter unha inesperada derrota tal como ía o combate ante o judoka lucense Méndez, o que nos manda á repesca en lugar de facer a semifinal que a priori era a esperable ante o favorito da categoría, Freire (UDC). Comezamos cunha victoria clara ante Iglesias do JC Orense de ippon de hombros, para pasar a vencer de ippon de cadeiras ante o duro judoka do Lukus, Rodríguez. No bronce, victoria traballada ante Roca do Bazán. Salvo o despiste do primeiro combate, gran competición de Mateo, con variedade técnica, moi ben no ritmo de combate e versátil. ¡Noraboa!
Na categoría cadete (s-18) as cousas foron ben diferentes. Xuntáronse a fame coas gañas de comer. Ben certo é que nalgún caso o sorteo nos cruzaba en primeira ronda ante unha medallista en Copa de Europa, ou en segunda ante o campión de España, ou ante un foráneo con licenza galega, ou estar nun caso mermado físicamente... pero non estivemos nada ben en xeral e temos que facer un exercicio importante de autocrítica todos nós. Non podemos permitirnos caer en certos erros, repetir outros e entrar sen convicción nos combates nalgún caso.
En -50 kg mal combate de Javi Veloso en primeira ronda, pero a cousa mellora na repesca ante Endika García do Escola, ante quen levamos o ritmo, bos ataques, un dos cales ben podía ter subido como wazari ao marcador, segundo o noso xuízo.. pero de súpeto, cometemos un "suicidio" deportivo, ben aproveitado polo rival.
En -55 kg estreo tralo seu longo parón por parte de Breogán Olives, con quen viñamos con ganas de que collera experiencia. Demasiado curto foi o primeiro combate ante Antón García do Base e quedamos sen repesca. Unha mágoa non poder ter feito máis combates. Neste mesmo peso tiñamos a Iago Vázquez, cabeza de serie na categoría, quen viña bastante mermado polas molestias cada vez máis fortes nas costas nos últimos días. É verdade que foi un impedimento importante para non poder desenvolver o seu mellor judo, pero tamén hai que dicir que nos faltou a entereza e capacidade táctica para estar onde ten que estar Tomás: moi arriba nas medallas. A pesar da victoria ante o coruñés Etcheverría, eran malas as sensacións, que se confirmaron nunha derrota inesperada en judo chan, tras unha mala defensa ante o compostelán Santamaría. Na repesca sae o Tomás de sempre, con ritmo e forza e consigue un gran ippon ante García do GSU.... para logo levar un combate sempre dominando, pero perdoando a vida ao rival coruñés Valdés, quen nin podía cos nosos agarres, mesmos foi inmovilizado por Tomás e non fixo ningunha entrada, salvo a última, na ue marca a un Tomás descafeinado. Non era este o campionato esperable dun judoka da calidade de Tomás, a pesar de realmente estar moi condicionado polo problema físico mencionado.
En -60 kg saía Iago Iglesias cunha boa e contundente victoria ante Ponte, para logo perder ante o gran favorito, Cotón, campión de España, nun combate con boa actitude por parte de Iago. Na repesca chega unha situación polémica, xa que Iago é quen de luxar ao rival do Shiai, Sousa, con juji gatame, pero os árbitros consideran que a luxación é realizada desde arriba, a pesar de estar Sousa a catro patas, o que leva a un hansoku-make, que nos deixa fóra da loita das medallas, onde Iago estimamos debía estar...
En -66 kg Mario Vilaseco non estivo moi fino ante o duro judoka Santos do Culleredo, quen logo perde ante un dos grandes favoritos, Infanzón, o que nos deixa sen repesca nun peso cun número e nivel altísimo de participación. Polo outro lado do sorteo estaba Xavi Louro, quen recibe un wazari de Rodríguez do JBM, para reaccionar ben e inmovilizar. En segunda ronda derrota ante o madrileño con licenza galega, Budia, medallista nacional, quen logo perde ante outro medallista nacional, Montero. Boa actitude de Xavi e Mario, pero este peso estaba carisimo.
En -52 tiñamos a baixa de última hora de Claudia Martínez ... unha mágoa... e a Claudia López... a quen lle toca en primeira a Villahoz, judoka foránea con licenza galega e medallista en Copa de Europa. Pouco se puido facer. Na repesca non cerramos ben a defensa en chan e somos facilmente inmovilizados pola judoka compostelá, Rial. Estimamos que Claudia podía estar máis arriba.
En definitiva, unha serie de factores que levan a unha valoración xeral negativa dos nosos judokas s-18. Temos que correxir moitas cousas e, máis que iso, non podemos permitirnos certo tipo de erros ou voltas a atrás na nosa evolución, sabendo que cada vez nestas categorías as medallas se están a poñer máis e máis caras. Este grupo é moi capaz de estar máis arriba e non nos debemos permitir saír con sensacións tan pouco positivas dun evento para o que traballamos tanto.
Seguiremos acudindo ao maior número de competicións, entrenos con outros clubes e tratar de volver á boa liña que traiamos antes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario